Monday 06 de May de 2024

Villoslada asegura que é prioritaria a conexión da Vía Ártabra coa A-6 para mellorar a mobilidade da área coa cidade


 

O concelleiro de Urbanismo recibiu hoxe á Asociación de Afectados polas Infraestruturas para abordar a execución do vial

O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, recibiu esta mañá á Asociación de Afectados polas Infraestruturas en María Pita. No encontro abordouse o polémico entronque da Vía Ártabra coa AP-9, na Gándara, que afecta directamente a un humidal protexido e que foi elixido pola Xunta a pesar do aprobado no Plan Viario de 2004. Villoslada instou á Xunta a reflexionar sobre a conexión na Gándara e insistiu que “aínda está a tempo de facelo”.

Villoslada asegurou que é unha prioridade en materia de mobilidade que a Vía Ártabra chegue ata a A-6, en Arteixo, “pero non só para a área metropolitana senón tamén para A Coruña. O obxectivo deste vial, desde a súa concepción, é unir a área metropolitana ca fin de que os vehículos de Oleiros, por exemplo, que queren dirixirse a Arteixo non se vexan obrigados a entrar na Coruña e o fagan de forma directa. Trátase de diminuír o tráfico na cidade de vehículos pesados que transportan mercadorías ente os polígonos industriais da área, de coches privados, etc.”

Neste senso, Villoslada apuntou que o Goberno local entende que a conexión coa

A-6 garante unha conexión sen peaxe. Ademais, cre que o entronque na Gándara

non debe crear unha afección ambiental e social ao Concello de Cambre, posto que a opción exposta por esta administración local, realizar a ligazón en Catro Camiños, permite continuar o trazado cara á A-6, tal e como se concibiu a propia infraestrutura.

Pola súa banda, un dos portavoces da plataforma, Javier Rodríguez, apuntou que a Xunta debe retomar o Plan Viario que era accesible para todos e non só para os veciños con maior capacidade económica. “O tráfico pesado dos polígonos non debe cruzar por estradas secundarias ou polo centro da Coruña para ir dun concello a outro”.